ver o índice
Medio Rural

O Monte e os seus beneficios

O monte galego sustenta coas súas raíces moito máis que terra e auga; sostén a nosa sociedade, con efectos que van máis aló no rural, cunha influencia na nosa economía e calidade de vida que chega moito máis lonxe do que protexe a sombra das árbores.

» O monte galego acolle gran parte da nosa riqueza natural
» Galicia é unha potencia forestal, pero precisa da xestión forestal sustentable
» Pero o monte aínda nos dá máis

O monte galego acolle gran parte da nosa riqueza natural

Este ano 2010 é o ano mundial da biodiversidade. A biodiversidade é a variedade de especies animais e vexetais que existen no medio ambiente, a variedade de relacións que desenvolven entre elas e mais coa auga, co solo e mesmo co aire. É o resultado de millóns de anos de evolución e de interrelación entre uns elementos dos que os humanos tamén somos parte. O planeta no que vivimos é como é en gran parte grazas á biodiversidade.

A biodiversidade é como unha marabillosa construción feita a base de ir ensamblando moitas pezas (por exemplo, unha nave espacial de LEGO). Cada peza ten o seu sentido, pero tamén lles dá sentido ás demais. A nave funciona mellor se ten todas as pezas. Se falta algunha, quizais non se note moito, pero se empezamos a quitar máis pezas, axiña algunha das súas partes comezará a ser feble e terminará por caer, afectando ao resto: cada peza da nosa natureza está conectada ás demais e cumpre unha importante misión, aínda que nós non a coñezamos! Por exemplo: canto maior é a diversidade de especies dun ecosistema, maior é a súa capacidade para defenderse dos fenómenos atmosféricos, das pragas ou de incidencias como os incendios. Nestes casos, a rexeneración é máis doada, cando varias especies poden contribuír ás diversas necesidades dos ecosistemas.

Tamén ti formas parte do ecosistema no que vives, e benefíciaste de varias xeitos da súa riqueza, aínda que o mundo moderno é tan cambiante e consome produtos que proveñen de tan lonxe que resulta moi difícil entender a nosa dependencia. Pero pensa en todo o que te rodea: de que está feita a cadeira na que estás sentado? De onde pensas que pode vir? Cando comes Ternera Gallega sabes de onde sae? Sabes de onde vén a auga que bebes? Podería haber auga doce sen bosques? Como están relacionados?

Dado que o home vive en Galicia desde tempo inmemorial, non quedan en Galicia bosques totalmente naturais, por iso as especies da nosa fauna, desde o merlo ao corzo, souberon adaptarse e prosperar nun ecosistema modificado pola sociedade humana. Nestes montes, prados e cultivos creados pola man do home atopan o seu fogar as especies vexetais e animais que conforman a gran biodiversidade da natureza galega, crucial para a nosa sociedade, a nosa economía e o noso porvir.

Galicia é unha potencia forestal, pero precisa da xestión forestal sustentable

A selva do Amazonas é un dos últimos
bosques primixenios do planeta

Galicia non se pode entender sen os seus montes: nin a nosa paisaxe, nin a nosa cultura, nin a nosa economía serían o que son sen a intensa relación dos galegos cos montes. Ata o himno galego fala de árbores! Actividades que poden resultar afastadas, como a pesca, dependían de madeiras de calidade para a fabricación dos barcos, o transporte do peixe ou a construción de vivendas.

Co paso dos anos, a industrialización e a modernidade foinos separando da vida agraria, de maneira que hoxe a percepción da natureza que tiñan os nosos avós resúltanos a moitos allea: nin sequera podemos xa recoñecer na paisaxe galega o lento traballo dos nosos devanceiros: seméllanos natural un medio ambiente modificado durante milenios. Pero a vida no medio natural non foi fácil: pobreza, loita pola subsistencia, técnicas prexudiciais como as queimas para cavar e cambios profundos na sociedade fomentaron o abandono do campo, convertendo os montes galegos nunha propiedade de valor residual pero que, grazas á xestión forestal sustentable, pode recuperar o seu potencial. É como a agricultura e a gandaría: pódense acadar maiores producións de madeira e madeira máis valiosa respectando ao tempo a nosa biodiversidade.

Unha plantación xestionada con aproveitamento recreativo

En produtividade forestal non temos comparanza en Europa: aquí non se sofren nin os durísimos invernos do norte do continente nin as secas do sur, e temos as precipitacións abundantes do norte de Europa e as numerosas horas de luz solar do sur. Por iso producimos a metade da madeira que se comercializa en España, e somos a novena potencia mundial en produción de madeira. O crecemento anual nos montes galegos é de 12,3 millóns de metros cúbicos. Cunha xestión sustentable poderíanse cortar ata 10,8 millóns. A industria da madeira de Galicia factura cada ano ao redor duns 1.330 millóns de euros, proporcionando un número aproximado de 50.000 empregos en 600 empresas industriais e comercializadoras, e tamén mantendo 2.400 empresarios autónomos. A industria forestal galega representa o 3,5% do PIB da comunidade, o que a sitúa a nivel doutros países como Finlandia (3,7% PIB) ou Nova Zelandia (3,1% PIB). Os nosos montes producen máis do que se recolle, pero ademais, se se aproveitasen moitos terreos baldíos, poderiamos acadar o 10% do PIB galego. O 70% das empresas aséntanse en poboacións de menos de 5.000 habitantes, converténdose o sector madeireiro nunha das mellores alternativas para a dinamización das comarcas rurais, xerando emprego e fixando poboación.

Pero o minifundismo e os conflitos pola propiedade dificultan as explotacións rendibles. Este problema trasládase ás industrias transformadoras, que son as que poderían obter maior valor engadido, pero que ás veces resultan pouco competitivas. Cómpre a agrupación dos propietarios forestais particulares, que son os que teñen as terras máis produtivas: A unión fai a forza. Pensa que o 12% dos empregos industriais galegos dependen da madeira: 6.000 empregos directos e 28.000 indirectos. Os produtos da madeira son a terceira das nosas exportacións tras o automóbil e as conservas. O fomento da produción de madeiras de calidade e completar o ciclo de produción en Galicia, por exemplo fabricando mobles ou materiais de construción, son factores que ofrecen grandes posibilidades para nós.

Os bosques creados pola actividade humana precisan ser xestionados, as súas árbores podadas e cortadas no momento apropiado para obter a madeira de mellor calidade e, por tanto, con maior valor no mercado, os pastos consumidos polo gando na súa medida axeitada, a caza xestionada de xeito sustentable, etc.

Pero o monte aínda nos dá máis…

É posible que non nos deamos conta, pero ademais de madeira o monte proporciónanos moitos servizos e de enorme importancia: as vantaxes comerciais da madeira únense ao valor ecolóxico das zonas arboradas e aos numerosos servizos que proporcionan, desde a fixación do carbono atmosférico ata a protección da biodiversidade, os acuíferos e a defensa do solo ante a erosión.

A bioxeneración enerxética.

A xeración de enerxía eléctrica a partir da biomasa é un campo tecnolóxico en expansión que presenta grandes posibilidades. Consiste en aproveitar os residuos da actividade forestal, como restos de podas, madeiras non utilizables na industria, cortizas, residuos de cultivos agrícolas, ou mesmo cultivos específicos de biomasa para producir electricidade.

Os cogomelos e os froitos do noso monte (castañas, arandos…).

Constitúen un produto cada vez máis valorado; estanse a converter nunha importante actividade económica nos nosos montes, xeran novos recursos sen prexudicar os montes onde se obteñen. Tamén é importante o papel dos bosques na produción de mel e de pastos para carnes de gran calidade.

A caza e a pesca.

Trátase dun aproveitamento do monte tan antigo como o propio ser humano ou como a recollida de froitos e cogomelos. Nos últimos tempos revelouse non só como unha actividade de grande importancia económica, senón tamén como un importante elemento de equilibrio ecolóxico nun agro que viu como certas especies acadaban unhas poboacións excesivas que producen importantes danos nas actividades agrícolas. Como os demais campos produtivos dos nosos montes, a súa xestión axeitada é posible e imprescindible para o desenvolvemento sustentable deste importante recurso. Pero os montes non só son importantes para a caza: as árbores de ribeira dotan da sombra necesaria para que as troitas (ás que lles gustan as augas frías) poidan vivir e reproducirse. Tamén alimentan moitos insectos que se converten nas súas presas.

O uso recreativo.

Dentro deste ámbito inclúese unha gran diversidade de actividades cada vez máis difundidas na nosa sociedade e que abranguen desde o sendeirismo ao cicloturismo, pasando polas diversas maneiras de gozar da natureza que a nosa sociedade, cada vez máis urbana, redescubriu nos últimos tempos: Precisamos do contacto coa natureza como xa o tiñan o nosos devanceiros. A mera contemplación da paisaxe forestal é, para moitos de nós, saúde en estado puro.

Conservar o solo é conservar a produción do monte, a saúde dos nosos ríos e a seguridade humana.

O solo fértil que fai posible o crecemento das árbores e mesmo das plantas que comemos o que comen os animais dos que nos alimentamos non é un elemento que se xere espontaneamente. Non existía nos comezos da vida no planeta. Foi tamén creado, ás veces durante milleiros de anos, polo labor conxunto de plantas e animais. Precisa da achega de nutrientes e da protección ante a erosión que lle proporcionan as plantas. O bosque funciona como unha esponxa: absorbe a auga rapidamente, pero vaina liberando lentamente. Cando a protección vexetal desaparece, as choivas torrenciais convértense en riadas, coa carga de destrución e mortes que vemos nos telediarios. O solo fértil desaparece e, con el, a súa capacidade de alimentar os humanos.

A produción de oxíxeno e a fixación do carbono atmosférico.

Os montes son os pulmóns do mundo; fabrican unha parte importante do oxíxeno que respiras! Tamén absorben o dióxido de carbono da atmosfera para convertelo en madeira, diminuíndo dese xeito a cantidade de gases de efecto invernadoiro e contribuíndo a paliar o cambio climático. Este chamado “secuestro de carbono” é un beneficio moi fundamental, pero pouco recoñecido das nosas masas forestais. Trátase dun efecto permanente, xa que, se se cortan as árbores de xeito planificado e se volven plantar novas árbores, é cando se produce a fixación de carbono na súa máxima intensidade.

O monte fomenta o desenvolvemento rural.

A industria forestal pode ser un exemplo perfecto de desenvolvemento sustentable, xa que pode cumprir “as tres patas deste”: permite o mantemento dos ecosistemas, posibilita o desenvolvemento económico creando postos de traballo e tamén permite o desenvolvemento social corrixindo a descompensación entre o poboamento de Galicia interior (negativo) e da Galicia costeira (en expansión): o seu potencial económico pode permitir asentar a poboación en comarcas que sufriron desde hai moito tempo a emigración.

(c) Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na Internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e información